WOD TRB do 2 de xaneiro de 2026: “Don Jesús”.

O segundo día do ano 2026 amenceu cunha nova triste para a parroquia de San Pedro de Tenorio: o falecemento do párroco Jesús Escudeiro Gandos, coñecido por todo o mundo como “don Jesús”.

Independentemente das crenzas relixiosas (ou ausencia delas) de cadaquén, don Jesús era unha figura emblemática da contorna e testemuña ocasional dos adestramentos de Tenorio Rural Bootcamp cando incluían unha subida á eira da igrexa.

É pola súa memoria, ós seus 95 anos de vida e ás seis décadas que serviu á nosa parroquia que lle dedicamos este WOD.

Descanse en paz.

WOD TRB 2.1.2026

“Don Jesús”

Ida e volta á igrexa
95 Abdominais
Ida e volta á igrexa
95 Prancha-jacks
Ida e volta á igrexa
95 Agachamentos
Ida e volta á igrexa

Kilómetros pola ELA en Pontevedra

O pasado domingo 9 de novembro, a nosa socia Ani Estévez participou con membros da súa familia na primeira edición de “Kilómetros pola ELA” a beneficio da Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Amiotrófica (Agaela).

O obxectivo era camiñar entre Arcade e Pontevedra a través do Camiño de Santiago para concienciar sobre a ELA e recaudar fondos para axudar ás persoas afectadas por esta enfermidade e ós seus achegados.

Kilómetros pola ELA” é unha iniciativa da Guardia Civil de Pontevedra, en colaboración nesta edición coa Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Amiotrófica (Agaela), que nace coa finalidade de dedicarse cada ano a unha causa solidaria recorrendo traxectos do Camiño de Santiago.

Na primeira edición recorréronse os 14 km da etapa Arcade-Pontevedra que comeza na senda litoral da praia de Arcade e pasa pola ponte medieval de Ponte Sampaio.

Foi unha marcha aberta á que se podía inscribir calquera cun custo de dez euros que foron destinados integramente a Agaela. Tamén estivo aberta unha fila cero para recadar fondos para a causa.

Moitas grazas á nosa membro asociada Ani por ter participado nesta iniciativa. Esperamos poder unirnos máis membros da asociación na próxima edición. 🙌🏻

VII Marcha contra o Cancro Pontevedra 2025

O domingo 5 de outubro de 2025, por terceiro ano consecutivo, moitas das persoas asociadas a Tenorio Rural Bootcamp e ducias de xente amiga (¡e mascotas! 🐕) formamos equipo para participar na Marcha contra o Cancro organizada pola delegación en Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro.

Superamos o noso propio rexistro persoal conseguindo que, polo menos, 85 persoas (probablemente máis) se apuntasen co noso grupo neste evento.

Aínda así, non foi dabondo para revalidar o título ó grupo máis numeroso, que acadou o equipo dunha das empresas patrocinadoras do evento: Avigal.

Porén, cremos que superamos sen dúbida o obxectivo de afrontar a proba con entusiasmo e tamén con entrega á causa: promover a investigación contra o cancro para que este tipo de enfermidade sexa cada vez menos letal en todas as súas variantes.

Grazas un ano máis á organización e ás preto de 90 persoas (¡ou máis!) que participaron con Tenorio Rural Bootcamp neste evento, cunha mención especial ás pacientes oncolóxicas que cruzaron connosco a meta, ás persoas que querían participar e non puideron e, sobre todo, a quen perdeu recentemente a alguén achegado por causa do cancro e estivo na marcha a pesar de todo. ❤️

Velaquí algunhas imaxes da nosa participación:

Imaxes tomadas por nós

Imaxes tomadas pola AECC

Imaxes de La Voz de Galicia

(Fotografías de Ramón Leiro)

Imaxe do Faro de Vigo

(Fotografía de Gustavo Santos)

Pontevedra. VII Marcha contra o cancro da AECC.

E a continuación, un vídeo musical con imaxes da participación de Tenorio Rural Bootcamp na sétima edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra.

¡Sodes moi grandes! 🙌🏼

Andaina solidaria por Santa María de Sacos

Hoxe, ó igual que fixeramos hai un mes en Tenorio, Tenorio Rural Bootcamp volveu participar nunha andaina organizada polo concello de Cerdedo-Cotobade en colaboración coa Deputación de Pontevedra e as comunidades de montes a beneficio da Asociación Española contra o Cancro.

Nesta ocasión acudimos á parroquia de Santa María de Sacos, onde puidemos exercitarnos nunha frondosa paraxe natural, atravesar algúns núcleos de poboación, saudar á veciñanza, apreciar os elementos románicos da súa igrexa e adentrarnos nos enigmáticos restos da capela de San Lourenzo.

¡Desexando participar na seguinte (“ruta Castelao” o 1 de xuño)!

Lembrade que mañá, luns 12 de maio, celebramos a nosa asemblea xeral. 🙌🏼

Aquí vos deixamos un vídeo musical que recolle algúns grandes momentos da aindaina:

E a continuación, algunhas fotografías do evento:

Moitas grazas a todo o mundo que participou e colaborou.

IV Carreira da Muller Pontevedra 2025

Un ano máis, varias reclutas e amigas de Tenorio Rural Bootcamp participaron na Carreira da Muller de Pontevedra, organizada polo Diario de Pontevedra a través da súa agrupación deportiva HQR! Foi no serán do sábado 3 de maio.

Nesta edición, a madriña da carreira foi Melania Rodríguez, campioa do mundo de dobre minitramp.

A lembranza da meteoroloxía adversa do ano pasado e os signos que indicaban que podería darse unha situación similar fixeron que algunhas das apuntadas tomasen a precaución de non acudir á saída.

Aínda así, unha vez máis as máis intrépidas correron por todas e pola causa (investigación do cancro).

Desta vez non gañamos o trofeo da carreira ó grupo máis numeroso, pero non é cuestión de gañar sempre. O equipo Avigal foi quen acadou o galardón.

Agradecemos ás mulleres que se animaron a participar na carreira con Tenorio Rural Bootcamp e tamén ós homes que nos acompañaron nesta xornada. 💞

A continuación, algunhas imaxes da nosa participación no evento:

Fotos tomadas por nós

Fotos do Diario de Pontevedra

Por Gonzalo García.

Vídeo do Diario de Pontevedra

Convocatoria de asemblea xeral ordinaria

Prezados/as membros da Asociación Deportiva, Ecoturística, Cultural e Entusiasta Tenorio Rural Bootcamp:

Pola presente notificación convócovos á asemblea xeral ordinaria da Asociación Deportiva, Ecoturística, Cultural e Entusiasta Tenorio Rural Bootcamp.

Tense previsto que dita asemblea se celebre o vindeiro 12 de maio (luns) ás 20:30 horas en primeira convocatoria e ás 21:00 horas en segunda convocatoria, na sede da asociación: o noso lugar habitual de adestramentos, situado no lugar de Torrevella, número 10 da parroquia de San Pedro de Tenorio, concello de Cerdedo-Cotobade, provincia de Pontevedra.

Así mesmo, poderase participar conectándose por medios electrónicos (teléfono, mensaxería instantánea, videoconferencia) que permitan identificar ás persoas participantes.

ORDE DO DÍA:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
  2. Memoria de actividades do ano 2024.
  3. Balance de ingresos e gastos de 2024 e o que levamos de 2025.
  4. Altas e baixas de membros da asociación.
  5. Votación da continuación / substitución de membros da xunta directiva.
  6. Orzamento para 2025 e votación de propostas para programar actividades.
  7. Rogos e preguntas.

Dados os temas para tratar, rógovos encarecidamente a vosa asistencia á asemblea, pois acordos adoptados obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.

Se a alguén lle é imposible acudir, pode delegar a súa representación noutra persoa membro da asociación expresándoo explicitamente de xeito que se poda corroborar a súa identidade.

Aproveito a ocasión para enviarvos un cordial saúdo.

A presidenta 😊

Andaina solidaria en Tenorio a favor da AECC

O pasado domingo, 6 de abril, a Asociación Tenorio Rural Bootcamp aportou máis de 50 participantes a andaina solidaria que organizaron o Concello de Cerdedo-Cotobade, a Comunidade de Montes de Tenorio e a Deputación de Pontevedra a beneficio da Asociación Española contra o Cancro.

En total xuntámonos unhas 200 persoas, incluído o propio alcalde: Jorge Cubela, nun percorrido de 6 km e que culminou na igrexa e antigo mosteiro de San Pedro de Tenorio, onde Fermín Martínez, persoa próxima á nosa asociación, explicou a historia e anécdotas destes edificios.

A continuación, algunhas imaxes do evento achegadas por membros da nosa asociación e outras publicadas polo concello de Cerdedo-Cotobade nas súas redes sociais:

Moitas grazas a participantes e entidades organizadoras. A Asociación Tenorio Rural Bootcamp sempre está disposta a involucrarse neste tipo de iniciativas.

VI Marcha contra o Cancro Pontevedra 2024

O domingo 13 de outubro de 2024, despois do aprazamento polos temporais de choiva, unha boa representación de membros de Tenorio Rural Bootcamp e moitísimas persoas achegadas participamos na sexta edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra, organizada pola Asociación Española contra el Cáncer.

Era a nosa segunda carreira popular a beneficio da AECC, e tras o intento do ano anterior de acadar o premio ó grupo máis numeroso, este ano puxemos todo o noso empeño en que non escapase.

(Non escapou 😉).

O obxectivo principal, porén, era, como é habitual en nós, superar a proba con entusiasmo e tamén con entrega á causa: promover a investigación contra o cancro para que este tipo de enfermidade sexa cada vez menos letal en todas as súas variantes.

Moitas grazas á organización e ás máis de 80 persoas que participaron con Tenorio Rural Bootcamp neste evento, cunha mención especial ás pacientes oncolóxicas que cruzaron connosco a meta e ás persoas que querían participar e non puideron. ❤️

Velaquí algunhas estampas deste gran día:

E a continuación, un vídeo musical con imaxes da participación de Tenorio Rural Bootcamp na sexta edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra.

¡Sodes moi grandes! 🙌🏼

III Carreira da Muller Pontevedra 2024

Outro ano máis, as reclutas de Tenorio Rural Bootcamp e moitas amigas participamos na Carreira da Muller de Pontevedra, organizada polo Diario de Pontevedra a través da súa agrupación deportiva HQR! Foi o domingo 4 de maio.

A meteoroloxía non acompañaba: a choiva apenas concedeu treguas, e na edición de este ano, corríase ó solpor e de noite, polo que as circunstancias engadían un chisco máis de dificultade ós 5000 metros que tiñan que percorrer as nosas deportistas.

Precisamente por estas condicións desfavorables, algunhas decidiron non rematar ou non enfrontarse á carreira, pero as máis intrépidas correron por todas e pola causa (investigación do cancro) e, de novo, gañamos o trofeo da carreira ó club máis numeroso.

Agradecemos ás mulleres que se animaron a participar na carreira con Tenorio Rural Bootcamp e tamén ós homes que nos acompañaron nesta xornada. 💞

A continuación, algunhas imaxes da nosa participación no evento:

Fotos tomadas por nós

Fotos do Diario de Pontevedra

Por Javier Cervera-Mercadillo.

Convocatoria de asemblea xeral ordinaria

Prezados/as membros:

Éme moi grato convocarvos á asemblea xeral ordinaria da Asociación Deportiva, Ecoturística, Cultural e Entusiasta Tenorio Rural Bootcamp.

Tense previsto que dita asemblea se celebre o vindeiro 22 de febreiro (xoves) ás 20:30 horas en primeira convocatoria e ás 21:00 horas en segunda convocatoria, na sede da asociación: o noso lugar habitual de adestramentos situado no lugar de Torrevella, número 10 da parroquia de San Pedro de Tenorio, concello de Cerdedo-Cotobade, provincia de Pontevedra.

Así mesmo, poderase participar conectándose por medios electrónicos (teléfono, mensaxería instantánea, videoconferencia) que permitan identificar ás persoas participantes.

ORDE DO DÍA:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
  2. Memoria de actividades do ano 2023.
  3. Balance de ingresos e gastos de 2023.
  4. Altas e baixas de membros da asociación.
  5. Votación da continuación / substitución de membros da xunta directiva.
  6. Orzamento para 2024 e votación de propostas para programar actividades.
  7. Rogos e preguntas.

Dados os temas para tratar, prégovos encarecidamente que asistades á asemblea, pois os acordos adoptados afectarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.

Se a alguén lle é imposible acudir, pode delegar a súa representación noutra persoa membro da asociación expresándoo explicitamente de xeito que se poida corroborar a súa identidade.

Aproveito a ocasión para enviarvos un cordial saúdo.

A presidenta 😊