VII Marcha contra o Cancro Pontevedra 2025

O domingo 5 de outubro de 2025, por terceiro ano consecutivo, moitas das persoas asociadas a Tenorio Rural Bootcamp e ducias de xente amiga (¡e mascotas! 🐕) formamos equipo para participar na Marcha contra o Cancro organizada pola delegación en Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro.

Superamos o noso propio rexistro persoal conseguindo que, polo menos, 85 persoas (probablemente máis) se apuntasen co noso grupo neste evento.

Aínda así, non foi dabondo para revalidar o título ó grupo máis numeroso, que acadou o equipo dunha das empresas patrocinadoras do evento: Avigal.

Porén, cremos que superamos sen dúbida o obxectivo de afrontar a proba con entusiasmo e tamén con entrega á causa: promover a investigación contra o cancro para que este tipo de enfermidade sexa cada vez menos letal en todas as súas variantes.

Grazas un ano máis á organización e ás preto de 90 persoas (¡ou máis!) que participaron con Tenorio Rural Bootcamp neste evento, cunha mención especial ás pacientes oncolóxicas que cruzaron connosco a meta, ás persoas que querían participar e non puideron e, sobre todo, a quen perdeu recentemente a alguén achegado por causa do cancro e estivo na marcha a pesar de todo. ❤️

Velaquí algunhas imaxes da nosa participación:

Imaxes tomadas por nós

Imaxes tomadas pola AECC

Imaxes de La Voz de Galicia

(Fotografías de Ramón Leiro)

Imaxe do Faro de Vigo

(Fotografía de Gustavo Santos)

Pontevedra. VII Marcha contra o cancro da AECC.

E a continuación, un vídeo musical con imaxes da participación de Tenorio Rural Bootcamp na sétima edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra.

¡Sodes moi grandes! 🙌🏼

Andaina solidaria por Santa María de Sacos

Hoxe, ó igual que fixeramos hai un mes en Tenorio, Tenorio Rural Bootcamp volveu participar nunha andaina organizada polo concello de Cerdedo-Cotobade en colaboración coa Deputación de Pontevedra e as comunidades de montes a beneficio da Asociación Española contra o Cancro.

Nesta ocasión acudimos á parroquia de Santa María de Sacos, onde puidemos exercitarnos nunha frondosa paraxe natural, atravesar algúns núcleos de poboación, saudar á veciñanza, apreciar os elementos románicos da súa igrexa e adentrarnos nos enigmáticos restos da capela de San Lourenzo.

¡Desexando participar na seguinte (“ruta Castelao” o 1 de xuño)!

Lembrade que mañá, luns 12 de maio, celebramos a nosa asemblea xeral. 🙌🏼

Aquí vos deixamos un vídeo musical que recolle algúns grandes momentos da aindaina:

E a continuación, algunhas fotografías do evento:

Moitas grazas a todo o mundo que participou e colaborou.

IV Carreira da Muller Pontevedra 2025

Un ano máis, varias reclutas e amigas de Tenorio Rural Bootcamp participaron na Carreira da Muller de Pontevedra, organizada polo Diario de Pontevedra a través da súa agrupación deportiva HQR! Foi no serán do sábado 3 de maio.

Nesta edición, a madriña da carreira foi Melania Rodríguez, campioa do mundo de dobre minitramp.

A lembranza da meteoroloxía adversa do ano pasado e os signos que indicaban que podería darse unha situación similar fixeron que algunhas das apuntadas tomasen a precaución de non acudir á saída.

Aínda así, unha vez máis as máis intrépidas correron por todas e pola causa (investigación do cancro).

Desta vez non gañamos o trofeo da carreira ó grupo máis numeroso, pero non é cuestión de gañar sempre. O equipo Avigal foi quen acadou o galardón.

Agradecemos ás mulleres que se animaron a participar na carreira con Tenorio Rural Bootcamp e tamén ós homes que nos acompañaron nesta xornada. 💞

A continuación, algunhas imaxes da nosa participación no evento:

Fotos tomadas por nós

Fotos do Diario de Pontevedra

Por Gonzalo García.

Vídeo do Diario de Pontevedra

Andaina solidaria en Tenorio a favor da AECC

O pasado domingo, 6 de abril, a Asociación Tenorio Rural Bootcamp aportou máis de 50 participantes a andaina solidaria que organizaron o Concello de Cerdedo-Cotobade, a Comunidade de Montes de Tenorio e a Deputación de Pontevedra a beneficio da Asociación Española contra o Cancro.

En total xuntámonos unhas 200 persoas, incluído o propio alcalde: Jorge Cubela, nun percorrido de 6 km e que culminou na igrexa e antigo mosteiro de San Pedro de Tenorio, onde Fermín Martínez, persoa próxima á nosa asociación, explicou a historia e anécdotas destes edificios.

A continuación, algunhas imaxes do evento achegadas por membros da nosa asociación e outras publicadas polo concello de Cerdedo-Cotobade nas súas redes sociais:

Moitas grazas a participantes e entidades organizadoras. A Asociación Tenorio Rural Bootcamp sempre está disposta a involucrarse neste tipo de iniciativas.

VI Marcha contra o Cancro Pontevedra 2024

O domingo 13 de outubro de 2024, despois do aprazamento polos temporais de choiva, unha boa representación de membros de Tenorio Rural Bootcamp e moitísimas persoas achegadas participamos na sexta edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra, organizada pola Asociación Española contra el Cáncer.

Era a nosa segunda carreira popular a beneficio da AECC, e tras o intento do ano anterior de acadar o premio ó grupo máis numeroso, este ano puxemos todo o noso empeño en que non escapase.

(Non escapou 😉).

O obxectivo principal, porén, era, como é habitual en nós, superar a proba con entusiasmo e tamén con entrega á causa: promover a investigación contra o cancro para que este tipo de enfermidade sexa cada vez menos letal en todas as súas variantes.

Moitas grazas á organización e ás máis de 80 persoas que participaron con Tenorio Rural Bootcamp neste evento, cunha mención especial ás pacientes oncolóxicas que cruzaron connosco a meta e ás persoas que querían participar e non puideron. ❤️

Velaquí algunhas estampas deste gran día:

E a continuación, un vídeo musical con imaxes da participación de Tenorio Rural Bootcamp na sexta edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra.

¡Sodes moi grandes! 🙌🏼

III Carreira da Muller Pontevedra 2024

Outro ano máis, as reclutas de Tenorio Rural Bootcamp e moitas amigas participamos na Carreira da Muller de Pontevedra, organizada polo Diario de Pontevedra a través da súa agrupación deportiva HQR! Foi o domingo 4 de maio.

A meteoroloxía non acompañaba: a choiva apenas concedeu treguas, e na edición de este ano, corríase ó solpor e de noite, polo que as circunstancias engadían un chisco máis de dificultade ós 5000 metros que tiñan que percorrer as nosas deportistas.

Precisamente por estas condicións desfavorables, algunhas decidiron non rematar ou non enfrontarse á carreira, pero as máis intrépidas correron por todas e pola causa (investigación do cancro) e, de novo, gañamos o trofeo da carreira ó club máis numeroso.

Agradecemos ás mulleres que se animaron a participar na carreira con Tenorio Rural Bootcamp e tamén ós homes que nos acompañaron nesta xornada. 💞

A continuación, algunhas imaxes da nosa participación no evento:

Fotos tomadas por nós

Fotos do Diario de Pontevedra

Por Javier Cervera-Mercadillo.

V Marcha contra o Cancro Pontevedra 2023

O domingo 8 de outubro de 2023, moitos membros de Tenorio Rural Bootcamp e moitas persoas amigas participamos na quinta edición da Marcha contra o Cancro de Pontevedra, organizada pola Asociación Española contra el Cáncer.

Tratábase da nosa segunda carreira popular como asociación, e aínda que tentamos volver a acadar o premio ó grupo máis numeroso, a ANPA do colexio de Marcón eo a Academia Naval de Marín superáronnos en número.

Con todo, participamos e superamos a proba con moita ledicia, fraternidade e espírito de superación sabendo que apoiábamos unha boa causa: promover a investigación contra o cancro para que este tipo de enfermidade sexa cada vez menos letal en todas as súas variantes.

Agradecemos moito a iniciativa e, sobre todo, a participación de todas as persoas que marcharon ou correron neste evento co equipo de Tenorio Rural Bootcamp. 💞

A continuación, fotografías e vídeos que se tomaron durante a proba para inmortalizar o momento:

Fotos tomadas por nós

Fotos do Diario de Pontevedra e Pontevedra Viva

Vídeos

Velaquí un pequeno videoclip que resume a nosa participación na V Marcha contra el Cáncer de Pontevedra 2023:

¡Grazas por participar!

Próximas actividades en Tenorio Rural Bootcamp

Aínda non é de todo oficial porque estamos pendentes da inscrición no rexistro autonómico de asociacións, pero agora… ¡Tenorio Rural Bootcamp é unha asociación!

Continuamos cos nosos adestramentos e seguimos organizando actividades variadas. As que temos programadas para proximamente son as seguintes:

Iniciación ó paddle surf

*PRAZAS ESGOTADAS*

O venres 30 de xuño de 2023, a partir das 17 horas, iniciarémonos no paddle surf da man de Baybaysurf no río Lérez nunha praia fluvial aínda por determinar.

O prezo é de 13 EUR para socios e menores de idade. 25 EUR para adultos non socios.

Plogging

O sábado 1 de xullo pola tarde faremos unha camiñada que inclúe recollida de lixo dende Tenorio ata a piscina fluvial de Cabanelas (Viascón).

Saímos ás 17 horas dende a sede do bootcamp pasando polo mosteiro.

A participación é de balde e aberta a persoas asociadas e non asociadas. As bolsas, luvas e algún refrixerio corren a cargo da asociación, pero se alguén quere facer algunha doazón, sempre é benvida. 😊

¡Non esquezades o bañador para a piscina fluvial!

ℹ Máis información e apuntarse.

II Carreira da Muller Pontevedra 2023

O domingo 7 de maio de 2023, as reclutas de Tenorio Rural Bootcamp e moitas amigas participamos na segunda edición da Carreira da Muller de Pontevedra, organizada polo Diario de Pontevedra a través da súa agrupación deportiva HQR!

Foi un evento memorable para Tenorio Rural Bootcamp como entidade e como grupo de persoas, pois non só gañamos o trofeo da carreira ó club máis numeroso, senón tamén por que supuxo unha xornada de sororidade, superación e ledicia entre as participantes.

Agradecemos moito a iniciativa porque ademais o recadado polas inscricións vai destinado á loita contra o cancro de mama.

E, sobre todo, agradecemos ás mulleres que se animaron a participar na carreira con Tenorio Rural Bootcamp e tamén ós homes que nos acompañaron nesa xornada. 💞

A continuación, fotografías e vídeos que se tomaron durante o evento para inmortalizar o momento:

Fotos tomadas por nós

Fotos do Diario de Pontevedra

Vídeos

Velaquí un pequeno videoclip con algunhas fotografías e vídeos que resumen a nosa participación no evento: