O bootcamp é un tipo de exercicio físico de alta intensidade inspirado no adestramento militar de varias épocas e culturas como, por exemplo, o que se desenvolveu na antiga Esparta ou o da antiga Roma; tamén os métodos de varios exércitos de Europa no século XIX e os dos marines de Estados Unidos no XX.
A finais dos anos 90, o método empezou a popularizarse máis aló das esferas militares e do eido do deporte profesional.
En Tenorio Rural Bootcamp dámoslle unha volta a ese concepto cun enfoque positivo e inclusivo enfatizando o valor do traballo en comunidade.
Baseámosnos principalmente en exercicios funcionais, é dicir, que poden transferirse á rutina diaria de calquera persoa (agachamentos, empurres, traccións, levantamentos de pesos, etc.).
Pero tamén efectuamos outros movementos que axudan a mellorar a condición física simplemente porque son divertidos de facer unha vez que se dominan ou porque resultan entretidos durante o proceso de aprendelos (equilibrios invertidos, exercicios de flexibilidade, etc.).
Tamén traballamos a preparación para carreiras populares de obstáculos ou OCR (do inglés Obstacle Course Racing) e outros deportes.
Cada persoa traballa dentro das súas capacidades, pero con alta intensidade, de xeito que todo o mundo se achega ós seus propios límites coa intención de superalos algún día. É por iso que é normal acelerarse e cansarse moito nestas sesións, ás veces máis mentalmente que fisicamente, pero a adestradora e o grupo estarán aí para animarvos.
Trátase dun tipo de exercicio moi efectivo que reporta múltiples beneficios. É certo que cómpre plantexarse antes de practicalo se é adecuado para a situación de cada persoa, aínda que sempre se poden facer adaptacións a cada caso.
Estatutos da sección deportiva
A asociación atópase actualmente desenvolvendo os estatutos da súa sección deportiva.
No noso bootcamp
Cada sesión dura aproximadamente unha hora (as sesións de “adestramento heroico”, que adoitan ser os sábados pola mañá, poden ser algo máis longas) e ten esta estructura:
- Quecemento
- Práctica dos movementos que se realizarán na sesión
- O núcleo da sesión: o “exercicio do día” ou WOD (workout of the day)
- Volta á calma
Outros tipos de sesión que impartimos:
- Sesións en inglés
- Sesións específicas para a rapazada entre 7 e 14 anos de idade
- Sesións específicas para @s veteran@s da xeración yé-yé e rockeir@s en activo
Podes consultarnos sen compromiso. Esperamos que te unas a nós. 😊🏃♀️🏃♂️🏃🏼♀️🏃🏿
Actualmente adestrámonos no terreo da Peluquería Barigel, situado en A Torre Vella número 10, 36120 Tenorio, concello de Cerdedo-Cotobade (provincia de Pontevedra, Comunidade Autónoma de Galicia, España).
